O coñecido restaurante orixinario de Teo abre un espazo na praia de Menduiña onde o produto de quilómetro cero é protagonista; dende peixes das lonxas do Morrazo ata cócteis con froitas do Rosal.
O eixo central da filosofía do Fogar do Santiso é o coidado do medio natural e a revalorización da cultura galega. Así foi sempre desde os seus inicios, en 1996. E aínda que pasaron os anos e o concepto se transformou, a empresa segue fiel a uns valores “que non sempre entende todo o mundo”.
Fogar de Santiso chegou a Aldán para ser algo máis que un restaurante; un proxecto que pon en valor o medio mariño e no que se desenvolverán diversos eventos de todo tipo, como accións de ecoturismo. O primeiro paso neste camiño? Unha exposición de obras de arte creadas con residuos recollidos do mar e que xa se pode gozar nas instalacións do Fogar en Menduiña.