Unha quincena de mozos galegos desempregados comezaron esta semana a súa formación no Fogar do Santiso, no concello coruñés de Teo, nunha iniciativa conxunta do restaurante coa Asociación de Desenvolvemento Local DELOA e a Escola de Organización Industrial (EOI).
A Asociación de Desenvolvemento Local DELOA, como entidade sen ánimo de lucro, pretende frear o éxodo rural e promover a creación de emprego a través de proxectos que afecten ao territorio. Coordina o programa de formación, que terá unha duración de dous meses. Pola súa banda, a Escola de Organización Industrial (EOI) foi a encargada de seleccionar ao profesorado externo para o programa de formación, dentro do proxecto “Millenials”.
Este venres Fogar do Santiso tamén será relator nas “Conversas Circulares. Circular Opportunities”, organizado en Outes (A Coruña) pola Fundación Paideia e a Escola de Organización Industrial. O restaurante foi seleccionado como exemplo de economía circular dos sectores estratéxicos de Galicia.