O proxecto, xa consolidado, leva o nome de Fogar de Santiso, unha iniciativa que nace coa filosofía de poñer en valor o mundo rural, o que nos ofrece e o que se pode conseguir, sempre dende unha perspectiva sostible. Fogar de Santiso, é máis que unha boa imaxe ou postura, é a proba práctica de que detrás hai un traballo formado por un equipo multidisciplinar baseado na aposta por “unha terra e as súas xentes”, neste caso Galicia.
En palabras do seu fundador, José Santiso, “pódese traballar en harmonía coa natureza”, e “a restauración é o medio para completar o proxecto e engádese á súa filosofía”. Con este plantexamento, a compañía vén de inaugurar na ría de Aldán o seu último complexo de restauración, que aspira a ser unha experiencia máis aló da gastronomía.