Unha intervención artística promovida por Delas Fest, un festival de arte urbana feminista e contextual organizado por 7H Cooperativa Cultural, puxo un novo toque de cor á casa principal do Fogar do Santiso. Trátase dun mural que reivindica as mulleres das comunidades locais e, á súa vez, conmemora o Día da Nai Terra. Persoal do grupo de restauración contribuíu ao deseño coas súas historias e experiencias sobre figuras femininas de Teo. «O obxectivo desta iniciativa do festival Delas Fest encaixa coa nosa filosofía en Fogar do Santiso, cunha aposta polo rural, como trasladamos na nosa oferta gastronómica, e de visibilización das mulleres», indicou a copropietaria do establecemento, Chus Vázquez.